Condicións de venda, envíos e devolucións
Última actualización: 8 de novembro de 2026
Estas condicións regulan as compras na tenda en liña de DOS DOG S.L., fabricantes en Lugo de snacks naturais e aceites para cans e gatos. Ao facer un pedido declaras que as liches e aceptaches.
En poucas palabras
- Prezos con IVE e envío visible antes de pagar.
- 14 días para devolver o que non abrises.
- O aberto non se devolve, por hixiene: é comida para a túa mascota.
- Chegou danado ou equivocado? Repoñémoscho ou devolvémosche o diñeiro, sen custo.
- Subscricións sen permanencia: cancelas cando queiras desde a túa conta.
1. Quen vende
DOS DOG S.L., CIF B10565042, Rúa Nicolás Taboada Leal, E1, 3.º, 27003 Lugo (España). Correo: info@dosdog.es. Elaboramos os nosos produtos nas nosas instalacións de Lugo.
2. Produtos e prezos
- Vendemos snacks naturais deshidratados, mastigables e aceites para cans e gatos. Son alimentos complementarios: non substitúen a alimentación principal da túa mascota.
- En cada ficha atoparás a composición, a análise, a presentación, os formatos dispoñibles e o animal ao que vai destinado. As fotos son orientativas: ao seren produtos naturais, a cor, a forma e o tamaño de cada peza poden variar.
- Os prezos amósanse en euros e inclúen o IVE. Os gastos de envío indícanse antes de pagar.
- Cando anunciamos un desconto, amosamos tamén o prezo máis baixo dos 30 días anteriores.
- Se por un erro evidente un prezo fose claramente incorrecto, avisarémoste antes de enviar o pedido para que decidas se o mantés ou o cancelas con reembolso íntegro.
3. Como se fai un pedido
- Engades os produtos ao carro e vas finalizar a compra.
- Indicas os teus datos de contacto e entrega (con ou sen conta) e elixes o envío.
- Revisas o resumo co prezo total e premes o botón de pagamento, que indica claramente que o pedido implica unha obriga de pagamento.
- Enviámosche por correo a confirmación do pedido, que serve como xustificante. Podes consultalo en A miña conta ou en Seguimento do pedido.
O contrato celébrase no idioma en que navegas (castelán, galego, inglés, francés, alemán ou portugués) e queda arquivado nos nosos sistemas.
4. Formas de pagamento
Tarxeta de crédito ou débito e outros métodos ofrecidos por Stripe (como Apple Pay, Google Pay ou Klarna, segundo o teu dispositivo e país) e PayPal. O cargo realízase ao confirmar o pedido. Non gardamos os datos da túa tarxeta.
5. Envío e entrega
Os prazos, zonas e custos detállanse en Envíos e devolucións. Salvo que se indique outra cousa, entregamos nun prazo máximo de 30 días desde a confirmación do pedido; normalmente, en 24-72 horas laborables. Se non puidésemos cumprir o prazo, avisarémoste e poderás cancelar con reembolso íntegro.
Ao recibir o paquete, comproba que a embalaxe chega en bo estado. Se ves golpes, roturas ou humidade, indícao ao transportista e avísanos (ver apartado 7).
6. Devolucións e dereito de desistencia
Como consumidor, tes dereito a desistir do contrato nun prazo de 14 días naturais desde que recibes o pedido, sen dar explicacións.
Por que non aceptamos devolucións de produtos abertos. Os nosos snacks e aceites son alimentos para animais e entréganse precintados. Unha vez abertos non se poden volver vender nin garantir a súa seguridade, por iso a lei exclúe a súa devolución por razóns de protección da saúde e de hixiene (art. 103.e TRLGDCU). Os produtos sen abrir e na súa embalaxe orixinal si podes devolvelos.
Como desistir: o máis doado é cun clic.
- Entra en A miña conta › Pedidos e abre o pedido. Se compraches sen conta, usa Seguimento do pedido co teu número de pedido e o teu correo.
- Preme «Desistir do contrato» e confírmao. Se queres, podes indicar o motivo.
- Recibirás ao momento un correo de confirmación e indicarémosche como devolvernos o produto.
Tamén podes comunicárnolo por correo electrónico a info@dosdog.es ou por correo postal ao noso enderezo. Non fai falta ningún formato especial: abonda con que nos indiques o teu nome, o número de pedido e que queres desistir.
Devolución do produto: devólveo sen demora e, como máximo, en 14 días desde que nos comuniques a desistencia, ben protexido para que chegue intacto. Os gastos de devolución corren da túa conta, salvo que o produto chegase danado, defectuoso ou equivocado.
Reembolso: devolverémosche todos os pagamentos recibidos, incluídos os gastos de envío estándar, nun máximo de 14 días desde que recibamos a túa desistencia, polo mesmo medio de pagamento. Podemos agardar a recibir o produto ou a proba do seu envío antes de reembolsar. Se devolves só parte do pedido, reembolsamos a parte correspondente.
Ver o modelo de formulario de desistencia (opcional)
(Só debe cubrir e enviar o presente formulario se desexa desistir do contrato.)
Á atención de DOS DOG S.L., Rúa Nicolás Taboada Leal, E1, 3.º, 27003 Lugo — info@dosdog.es:
Pola presente comunícolle que desisto do meu contrato de venda do seguinte ben: ____________________
Pedido n.º: __________ · Pedido o / recibido o: __________
Nome do consumidor: ____________________
Domicilio do consumidor: ____________________
Sinatura (só se o formulario se presenta en papel) · Data: __________
7. Produto danado, defectuoso ou equivocado
Se un produto chega co envase roto ou aberto, en mal estado, coa data de consumo preferente vencida, ou non é o que pediches:
- Escríbenos a info@dosdog.es co teu número de pedido e unha foto do produto e da embalaxe. Agradecémosche que o fagas canto antes, idealmente nos 7 días seguintes á entrega, para podermos revisalo co transportista.
- Non llo deas á túa mascota e gárdao ata que che respondamos: pode que necesitemos recollelo.
- Enviarémosche un produto novo ou devolverémosche o importe, como prefiras, sen ningún custo para ti.
Avisar pronto axúdanos a resolvelo antes, pero non limita os teus dereitos legais.
8. Garantía dos produtos
Respondemos de calquera falta de conformidade dos nosos produtos conforme aos artigos 114 e seguintes do TRLGDCU. Como se trata de alimentos, a garantía significa que o produto:
- chega en bo estado, co envase pechado e íntegro;
- correspóndese co descrito na ficha (composición, peso e formato);
- mantense apto para o consumo ata a súa data de consumo preferente, sempre que se conserve como indica o envase (en lugar fresco e seco, e ben pechado unha vez aberto).
Non é unha falta de conformidade a variación natural de cor, forma ou tamaño das pezas, nin o deterioro por unha conservación incorrecta ou por superar a data de consumo preferente. Se detectas un problema, segue os pasos do apartado 7: repoñerémolo ou devolverémosche o importe.
9. Uso responsable dos snacks
- Segue a ración recomendada no envase segundo o peso da túa mascota e ofrécelle sempre auga fresca.
- Vixía o teu can ou gato mentres come, sobre todo cos mastigables duros (orellas, patas, ósos): retíraos cando queden anacos pequenos que poida tragar enteiros.
- Elixe a dureza adecuada para a súa idade e a súa dentadura. Se ten problemas dentais, dixestivos, alerxias ou unha dieta veterinaria, consulta antes co teu veterinario.
- Introduce os produtos novos aos poucos.
- As suxestións que che amosamos segundo o perfil da túa mascota (por exemplo, os avisos de alerxias) son orientativas e non substitúen o consello dun veterinario.
10. Subscricións
- Ao subscribirte recibes o produto elixido coa frecuencia que indiques, ao prezo amosado na alta (co desconto de subscrición) máis o envío.
- O cobramento realízase automaticamente en cada entrega co método de pagamento que usaches na alta.
- Podes cancelar en calquera momento desde A miña conta › Subscricións, sen permanencia nin penalización. A cancelación ten efecto antes do seguinte cobramento.
- Se cambiamos o prezo, avisarémoste antes do seguinte cobramento para que poidas cancelar se non estás de acordo.
- Cada entrega é un pedido máis: aplícanselle o dereito de desistencia e a garantía destas condicións.
11. Programa de puntos Lusco & Fusco Card
Os clientes con conta suman puntos polas súas compras e poden trocalos por vales de desconto segundo as condicións que se amosan en A miña conta. Os puntos non teñen valor en efectivo nin se poden transferir. Se devolves un pedido, retíranse os puntos que xerou. Se eliminas a túa conta, pérdense os puntos acumulados.
12. Clientes profesionais
As compras de tendas, perruquerías, clínicas e outros profesionais a través da zona B2B réxense polas condicións comerciais pactadas con cada cliente. O dereito de desistencia e o resto de dereitos propios dos consumidores non se aplican ás compras realizadas como empresa ou profesional.
13. Atención ao cliente e reclamacións
Podes contactar connosco en info@dosdog.es. Respondemos o antes posible e, en todo caso, nun prazo máximo dun mes. Temos á túa disposición follas de reclamación oficiais. DOS DOG S.L. non está adherida ao Sistema Arbitral de Consumo nin a ningunha outra entidade de resolución alternativa de litixios. Se non quedas satisfeito coa nosa resposta, podes acudir aos servizos de consumo da túa comunidade autónoma ou aos tribunais.
14. Lexislación aplicable
Estas condicións réxense pola lexislación española. Se es consumidor, poderás acudir aos xulgados do teu domicilio.
Tes dúbidas? Escríbenos a info@dosdog.es e axudámoste.